Lembranzas do Padre Salvado
D. Xosé Manuel Bernárdez Gándara é misioneiro en África (Kasempa, Zambia) desde o ano 2000. O mércores, 10 de abril pasado, predicounos o retiro espiritual do mes de abril aos sacerdotes do arciprestado de Tui que comezou as 11,45 na capela do convento das Doroteas e rematou co xantar. O misioneiro que leva 13 anos en Zambia naceu en Alxén (Salvaterra) o 4 de febreiro de 1963, sendo os seus pais Antonio Bernárdez Fernández e Celia Luz Gándara Pérez. Recibiu a ordenación sacerdotal na catedral de Tui o 25 de setembro de 1988, exerceu de vicario parroquial na feligresía do Sagrado Corazón de Xesús de Vigo ata 1998. Despois de case un ano perfeccionando o inglés en Londres, estudou misionoloxía en Madrid e o 10 de agosto de 2000 saíu para o país africano de Zambia.
Na conversa que tivo cos cregos do arciprestado de Tui, despois da meditación e da exposición co Santísimo, presentounos unha carta xeográfica de África para explicarnos que Zambia está situada no centro-sur do continente africano. Xosé Manuel fíxo unha sinopse da historia colonial e da evanxelización do pais. Díxonos que no século XVIII foi visitado polos portugueses, pero David Livingstone, médico e misioneiro escocés, efectuou a primeira exploración do territorio regado polo Zambeze entre 1858 e 1863. A colonización iniciouna en 1890 a “British South Africa Company”, dirixida por Cecil Rhodes que adicouse a explotar os minerais do territorio e deulle o nome de seu apelido: RODESIA. A evanxelización levárona a cabo primeiramente os “Padres Blancos” a principios do século XIX, continuárona os franciscanos conventuais e despois sufriu un retroceso.
“Desde finais do 2002 -dixo- estou na misión de Kasempa, unha das máis grandes de Zambia con máis de 27000 km2. Cando eu cheguei apenas contaba con 28 comunidades e uns 25 catequistas. Hoxe en día hai 54 comunidades e 175 catequistas”. Logo presentou un novo obxectivo, e pediu a nosa cooperación espiritual e económica deste xeito: “O motivo desta visita é para expoñervos un proxecto que quere levar a cabo a diocese de Solwezi, onde eu estou traballando desde o ano 2000: abrir una nova misión en Kamakechi, no sur da provincia de Kasempa”. Para poñer en funcionamento a parroquia de Kamakechi precísanse 150000 €. Os donativos pódense ingresar en Novagalicia banco, conta número: 20805141393000048140 (Concepto: Misión Kasempa). Ao falar cun misioneiro lembreime de frei Rosendo Salvado Rotea e da proximidade do bicentenario de seu nacemento (1 de marzo de 2014). Terminado o xantar pregunteille a Xosé Manuel: entre os misioneiros como se valora a labor do monxe e bispo tudense cos aboríxenes australianos? Contestoume: “Estando en Madrid lin varios libros do IEME (Instituto Español de Misiones Extranjeras) e da OCSHA (Obra de Cooperación Sacerdotal Hispano Americana) na biblioteca do Colexio Vasco de Gama; trataban dos principais misioneiros españois desde o século XV e falaban de frei Rosendo e dos seus escritos, sobre todo cartas, nas que dicía: Eu non vin aquí a salvar os europeos senón aos que non están bautizados”. Comenteille que eu lera que o P. Salvado puxera a súa fundación de “Nuova Norsia” baixo a xurisdición eclesiástica de Madagascar. Inquirín: ti que coñeces a historia de África como explicas isto? Resposta: “Frei Rosendo non quería estar baixo o Padroado de Goa que dependía do rei de Portugal, prefería vincularse a Inglaterra, probablemente a LMS (London Missionary Society) á que pertenceu Livingstone, para ter máis liberdade, e quizais iso mesmo motivouno a conseguir a nacionalidade inglesa”.
Para rematar propúxenlle: Xosé Manuel dáme algunha idea para celebrar o bicentenario do nacemento do famoso evanxelizador de Australia. Díxome: “Cóntoche unha anécdota. Estando en Londres coñecín un matrimonio de Perth (a uns 150 km está “Nuova Norsia”); naceran en Australia pero a muller apelidábase “de Sousa” porque os seus avós eran de Goa (India), con devanceiros portugueses. A finais de 1999 fun invitado por eles a Perth e alí moitas cousas lembráronme ao P. Salvado. Sorprendeume moito a sacristía da catedral de Perth, porque é talmente unha copia da sacristía da catedral de Tui: con idéntica distribución construtiva, armarios e espellos parecidos. Aínda outra cosa, un día entrei nunha igrexa que me pareceu mesmo a de San Francisco de Tui, tanto por dentro como tamén por fóra.

Reverso do retrato do Padre Salvado coa dedicatoria desde Roma para súa nai (María Francisca). Residía en Tui e faleceu ao pouco tempo de recibir a foto.
Xosé Manuel, grazas polas túas interesantes aportacións, conta coa nosa colaboración para a nova parroquia de Kamakechi. Unha aperta.