O aprendido de pequenos nunca se esquece
Antonia González Diz cumpriu o día de San Antonio de Padua (13 de xuño) 95 anos. Probablemente é a avoa da parroquia de San Bartolomeu de Rebordáns.
O 6 de xullo, primeiro venres do mes, falando con dona Antonia na súa casa de Palláns recitou unha oración que me dixo rezaba todas as noites. Ao final da recitación, expreseille o meu interese de escribir a oración para que non termine no pozo escuro do esquecemento, co paso do tempo. Así que prometín voltar como reporteiro.
Ás 18,30 horas do 14 de xullo, equipado con gravadora e cámara fotográfica, toquei o timbre da casa e non recibín resposta. Non había ninguén. Despois de visitar unha familia no mesmo barrio, saín á rúa e atopei a dona Antonia na súa cadeira de rodas, acompañada pola filla Toñita, e Adriana, asistenta de orixe arxentina. Fixen varias fotos, mentres camiñaban, e na terraza do domicilio de Toñita gravei e transcribín a pregaria como se amosa a continuación.
Con Deus me deito, con Deus érgome
coa Virxen María e o Espírito Santo.
Que me cubra co seu manto,
cúbreme ben cuberto.
Cubrireime de valor
a cousa que mal non for.
San Pedro está na gloria,
a Misa está dicindo;
San Xoán a esoita,
A Virxen a adora.
Bendita sexa a alma
que a escoita nesta hora.
Cando me deitéi,
sete anxos atopéi:
catro a cabeceira;
a Virxen María era a primeira.
Ela me dixo: “Durme, repousa,
non teñas medo a ningunha cousa”.
Os pecadiños que eu fixen
ao meu confesor llos dixen.
Dígollos a vostede, Señora,
coa dor do corazón,
para que a miña alma non pene
nin morra sen confesión.
Dona Antonia informoume que isto ensinoullo a súa avoa ”Carmela Pepa Diz” (do Seixal, precisa o seu fillo Carlos) cando era uhna nena, polo ano 1920. “Lo que se aprende en la primera infancia nunca se olvida”, subliña Toñita.
Engade dona Antonia que esta oración ela ensinoulla aos seus catro fillos (Mary, Luis, Carlos e Toñita). “Aínda as veces rezámola con ela”, acredita o seu fillo Carlos.
O padre franciscano Luis María Fernández Espinosa nun libro de 85 páxinas, co titulo “Canto Popular gallego (colección de temas musicales y coplas gallegas)”, publicado en Madrid no 1940, na páxina 63 amosa un exemplo de “romance de Pasión” cantado en Arcos de Furcos (Cuntis) o Xoves e Venres Santo. A letra da canción corresponde case literalmente co poema de Da Manuela. Di así:
Jueves Santo, Jueves Santo,
tres días antes de la Pascua,
cuando a los seus discípulos
de cenar Jesús lles daba, etc.