125 ANOS DA PONTE INTERNACIONAL SOBRE O MIÑO

 

Lembranza dos obreiros que fixeron a ponte

             O 25 de marzo de 1886 abriuse oficialmente ao público o tráfico da Ponte Internacional pola estrada e pola vía férrea que unía as dúas poboacións veciñas de Tui e Valença, afastadas polo caudaloso  río Miño.

            Un ano e medio duraron os traballos ata a inauguración da nova ponte na data devandita. Máis dun século despois, en 1995, entraba en funcionamento a ponte internacional do proxecto da autoestrada do Atlántico, entre A Coruña e Lisboa.

Prato de porcelana coa foto da Ponte Internacional sen rematar. Cerámica de Vista Alegre (Ílhavo - Aveiro).

 

            Nos actos conmemorativos dos 125 anos da inauguración da Ponte Internacional, lembráronse aos cualificados técnicos, coma os enxeñeiros Pelayo Mancebo Agreda, Auguste Cazaus, Juan Joaquin de Matos e outros; as relevantes personalidades políticas coma Ezequiel Ordóñez González e Lorenzo Cuenca Sanjuán, ministros do goberno central, gobernador civil, alcaldes de Tui e Valença, etc. Todos eles, nas súas competencias respectivas, fixeron posible que se proxectase esta importante obra. Pero, segundo o meu parecer, os traballadores que executaron a dura labor de mover pedras, axustar as vigas e trabes, mergullarse no río para soterrar os sólidos alicerces, etc., case que non tiveron mención algunha.

            Con respecto a isto, é moi significativo o que di o periódico tudense “El Eco del Miño” no número 239 (10-XII-1881): “Para la cimentación del Puente Internacional del Miño, se ha encontrado roca en la orilla española a la profundidad de dos metros y medio, mientras que en la orilla portuguesa se ha profundizado hasta cuatro metros sin encontrar la base, aunque se supone que aparecerá a poco más que se profundice”.

Reverso do prato. Debaixo do título "Valença do Minho" figuran as letras "VA", que corresponden a famosa fábrica portuguesa de cerámica "Vista Alegre".

            Esta información axuda a valorar os arduos traballos que tiveron que resistir os obreiros traballando arreo na construción realizada fai século e medio. Hai que ter en conta que naqueles tempos a mecanización era moi rudimentaria e o motor principal era corpo humano, expoñéndose a esforzos excesivos co risco de perder a propia vida na tentativa.

            No libro sétimo de bautizados da parroquia de Santa María de Porriño (folio 211), áchase rexistrada a nena Josefa Ortúzar Comesaña, que naceu o 18 de maio do ano 1865. O seu pai, Julián Ortúzar Eudayda, consta que era “capataz, natural de Múgica, en la provincia de Vizcaya”. A súa nai, Benita Comesaña era de “Corujo” [ Coruxo -Vigo].

            Unha descendente desta familia que pasou polo Arquivo Histórico Diocesano, sito na catedral de Tui, contoume que Julián Ortúzar traballara na Ponte Internacional.

            Segundo a mesma informante, tamén os Cortaberri, que estableceron a súa residencia no Porriño, formaron parte dunha colonia de obreiros vascos que viñeron a traballar na construción na ponte sobre Miño.

            Alguén da vila porriñesa relatoume este triste feito anecdótico de un Cortaberri. Varios traballadores da Ponte Internacional estaban intentando mover unha pedra moi grande sen conseguilo. O vasco, presumindo de forzudo, intentouno só e a gran pedra rolou sobre él morrendo esmagado.

            Nesta efeméride conmemorativa dos 125 anos da inauguración deste paso fronteirizo non podemos esquecer aos traballadores portugueses e españois que tiveron que emigrar lonxe da súa terra e arriscar as súas vidas para construir unha vía de encontro entrambos pobos separados polo río Miño.

Anuncios

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: