Bendición das nais e dos fillos
A Candelaria.
A Igrexia celebra o 2 de febreiro a festa litúrxica da Presentación do Neno Xesús no Templo e a Purificación da Nosa Señora a Virxe María, chamada popularmente a Candelaria. No século VI, durante o reinado do emperador romano Xustiniano I, comenzou a tradición de bendicir as candeas na Misa do día, dese costume procede o nome da Candelaria ou Festa da Luz.
Segundo a narración do evanxelista San Lucas os pais de Xesús, Santa María e San Xosé, fixeron o que mandaba a lei xudaica:
Cando chegou o tempo da purificación, conforme a Lei de Moisés, os pais de Xesús levárono a Xerusalén, para llo presentaren ó Señor, (pois así está escrito na Lei do Señor: “Todo varón primoxénito ha ser consagrado ó Señor”), e tamén para ofreceren o sacrificio, conforme se di na Lei do Señor: “Un par de rulas ou dous pombiños” (Lc 2, 22-24).
Na entrada do templo de Xerusalén estaba o “xusto e piadoso” Simeón que ó chegar os pais co neno Xesús, colleuno e dixo loando a Deus:
Agora, Señor, segundo a túa promesa, podes despedir en paz ó teu servo, porque xa os meus ollos viron a túa salvación, a que ti preparaches á vista de todos os pobos, luz de revelación para os xentís e gloria do teu pobo Israel (Lc 2, 29-32).
As velas que son bendicidas na Misa deste día lémbranos que Xesús é “a luz do mundo” (cf. Jn 8, 12). Eses cirios gárdanse con moita devoción, pois considéranse portadoras de grandes bens para a familia, antigamente poñíanse nas mans dos moribundos.
Levar a vela acendida é levar na man a Xesús, pero tamén a María -a Candelaria- que pon a Xesús nas nosas mans, coma o fixo co profeta Simeón na entrada no templo de Xerusalén.
O día 2, mércores, bendicirei as candeas na Misa das 7 da tarde en San Bartolomeu, tamén invocarei unha bendición especial para os nenos e as súas nais. Por iso invito particularmente ós pais dos nenos que foron bautizados durante o último ano a que participen cos seus fillos para que Nosa Señora os presente a Deus, noso Pai, como fixo co seu fillo Xesús ós corenta días do seu nacemento.