
Ao pé do Cruceiro da Besadiña. (2 sept 1963). 1 José Manuel Hermida González (+2009), fillo de Valentín e de Mercedes. 2. Antonia Carmen Romero González, sobriña de D. Basilio. 3. D. Basilio. 4. Mercedes, irmán de D. Basilio. 5. A nena: Estrella Pérez Freiría, veciña. 6. O neno: Basilio Hermida González, irmán de José Manuel.
Continúa dicindo Mercedes que Basilio estaba moi enfermo de tuberculose alá polo ano 1941; tratouno o doutor D. José Ramón de Castro que lle prohibiu falar, ler e escribir durante dous anos.
Apesadumbrada pola profunda dor, a súa nai fixo esta promesa: “Señor, se me sas este filliño, fareiche un cruceiro na Besadiña”. Como o fillo sanou, cumpriu o prometido mandando levantar o cruceiro na devesa da Besadiña. Sería o ano 1943, e na execución da obra participaron varios canteiros do barrio.
Na festa da Santa Cruz de Maio, o día 3, ían os veciños de San Simón a rezar o rosario ante a cruz da Besadiña. A romaría consistía en rezar nove rosarios: dez veces repetían “Jesús, Jesús, Jesús…”, que contaban pasando dez grans de millo dunha man a outra. Ao final de cada decena dicían o “Gloria” e despois esta oración:
“En el campo de Josafat,
Donde mi alma encontrarás
¿Tú qué le dirás?
– Apártate, Satanás,
Que el día de la Santa Cruz
Mil veces dije Jesús”.
A costume familiar é que todos os primerios venres de mes, no nicho do cruceiro, póñase unha candea acesa, sen que deixase de facer dende a súa construción.